Denuncian cinco taxistas por iniciar transportes fóra do seu municipio con motivo da Festa do Albariño
Por Redacción
A Garda Civil de Tráfico estableceu un dispositivo especial de seguridade viaria durante a pasada fin de semana en Cambados con motivo da Festa do Albariño que permitiu tanto detectar a condutores infractores como a cinco taxistas que foron detectados por realizar transporte de viaxeiros iniciando a viaxe nun termo municipal distinto ao que corresponde a licenza de transporte urbano.
Segundo informou a Garda Civil, estes vehículos de servizo público carecían da preceptiva autorización que lles permitiría, no seu caso, reforzar o servizo extraordinario de taxis no municipio de Cambados. A normativa de transportes vixente sanciona este tipo de infraccións con 600 euros de multa.
No marco deste dispositivo de seguridade deseñouse un plan de controis nos distintos puntos de acceso á localidade, nos que se realizaron un total 3.274 probas de detección de alcol e drogas. Das probas realizadas, 176 condutores, isto é, un 5,34% do total, deron resultado positivo. Máis do 97% dos positivos, concretamente 162, foron por alcol e os 14 restantes por conducir baixo os efectos dalgún tipo de drogas.
Dos 162 condutores que deron positivo, a 153 denuncióuselles por vía administrativa, mentres que aos 9 restantes instruíronselles dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial por superar a taxa de 0,60 miligramos por litro de aire expirado. Un condutor está investigado pola negativa para realizar as probas de alcoholemia, ao abandonar o lugar do dispositivo incumprindo os requirimentos para realizar as probas de alcol e drogas.
En relación con con o consumo de drogas, realizáronse 30 probas. Algo máis do 46% dos condutores que foron sometidos ao test salival para comprobar a presenza no organismo de drogas, concretamente 14, resultaron positivos, aos que se lles formulou denuncia por vía administrativa.
Como vén sendo habitual, entre as drogas máis consumidas están o cannabis (10 casos), a cocaína (1 casos), e en 3 condutores máis se detectou policonsumo, é dicir, positivo a máis dunha sustancia. No caso das drogas, a lei prohibe conducir con presenza de drogas no organismo do condutor, quedando excluídas as sustancias que se utilicen baixo prescrición facultativa e cunha finalidade terapéutica. Esta infracción catalogada como moi grave está castigada cunha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos.