O sector de comercio e alimentación convoca folga en Semana Santa
Por Oskar Viéitez
O salón de actos do edificio estaba ateigado de xente este domingo, rivalizando coa misa das doce en San Francisco. Os traballadores do sector de alimentación e comercio estaban convocados a unha asamblea na que decidiron convocar unha folga en Semana Santa, se la Patronal non retira a proposta de convenio provincial que puxo sobre a mesa e negocia un convenio xusto.
O seu convenio rematou a súa vixencia o 31 de decembro de 2011 e despois de moitas chamadas, de moitos escritos e toda clase de intentos, os sindicatos conseguiron que a patronal se sentara a negociar ao comezo deste ano 2013.
Os representantes dos traballadores explicaron que logo de catro reunións, "o único que se nos pide aos traballadores e que perdamos todos os nosos dereitos que están recollidos no convenio. Todos. En cambio non falaron de darnos, só queren quitarnos".
As Centrais Sindicais CCOO, CIG e UGT, lexitimadas para negociar e presentes no convenio, explicáronlles polo miúdo a proposta da patronal.
Según enumeraron: Vixencia, catro anos, é dicir ate o 2015. Eliminar a promoción interna, modificar as categorías profesionais. Respecto as contratacións, eliminar calquera limitación.
Na xornada, "como non poden poñer mais de 40 horas, nola cambian de luns a domingo, si, para que vaiamos a traballalos todos". En canto as vacacións, eliminan un día. Horas extras, cambialas por tempo de descanso. Licencias, os 4 días de asuntos propios pasarán a ser días recuperables.
"Debemos reaccionar e espertar canto antes"
Maternidade, no coidado do fillo queren cambiar a 8 anos en lugar de 10 anos como teñen agora. Asistencia médica, haberá que recuperar as horas que falten. IT, so se poderá cobrar o 100% de salario cando leven 2 meses de baixa. Cambiar as compensacións que teñen por mobilidade xeográfica.
E finalmente eliminar complementos ad personan, eliminar nocturnidade, eliminar antigüidade. "E por suposto o incremento salarial é cero".
Ante esta "agresión tan brutal de perdas de dereitos, de perdas económicas, non podemos estar calados, non podemos estar impasibles, debemos reaccionar e espertar canto antes".