Dous feridos ao encaixarse un camión do lixo contra unha casa en Vilaboa
Por Natalia Puga
Os bombeiros do Morrazo e Pontevedra tiveron que intervir este luns nas complicadas tarefas de rescate dun home que quedou atrapado nun camión do lixo nun grave accidente de circulación na parroquia de Bértola, en Vilaboa. No sinistro resultaron feridos este traballador e o seu compañeiro, ambos os acompañante e condutor do camión en cuestión, e foron trasladados ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Segundo informaron os Bombeiros do Morrazo, o accidente tivo lugar sobre as 10.30 horas deste luns no lugar de Saxosa, en Vilaboa. O cambión do servizo de recollida de lixo baixaba pola estrada de acceso á residencia de maiores de Bértola cando, por motivos que se descoñecen, saíuse da vía e quedou encaixado nunha vivenda particular.
No momento do accidente ían no camión dúas persoas. O condutor sufriu mazaduras e lesións de baixa consideración e puido saír do vehículo sen dificultades, pero o acompañante saíu peor parado, pois quedou atrapado na cabina nun lugar de difícil acceso.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 alertou nun primeiro momento aos bombeiros do Morrazo, pero estes necesitaron pedir reforzos, tanto dun guindastre de grandes dimensións como dos bombeiros pontevedreses. Unha das circunstancias que complicou o rescate foi que non se podía mover moito o camión por risco a que caese. Finalmente, tras desprazalo tan só cinco centímetros, conseguiron excarcerar ao acompañante.
O home presentaba lesións graves e foi trasladado polos servizos médicos ao Hospital Montecelo. Tamén o condutor tivo que ser trasladado a este centro sanitario, pero o seu estado era de menor gravidade.
No operativo de seguridade tamén foi necesaria a intervención da Garda Civil de Tráfico.