Nos hospitais de Pontevedra e O Salnés agárdase por unha operación 29,8 días, a demora máis baixa de Galicia
Por Redacción
Un semestre máis, o balance de actividade asistencial da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés arroxa datos que sitúan aos seus hospitais como de menos listas de espera de Galicia. Os tempos de espera por debaixo da media galega, con 29,8 días de demora para unha intervención cirúrxica e unha duración nos casos máis graves, de Prioridade 1, que oscila entre os 10 e os 7,8 días.
O xerente de Xestión Integrada, José Manuel González, fixo balance este venres da actividade do primeiro semestre de 2016 e indicou, ademais, que a demora media para una primeira consulta na área sanitaria é de 22,2 días.
No seu balance, tamén anunciou obras relativas á mellora das infraestruturas tales como que a fase de ampliación do Hospital do Salnés avanza e nas próximas semanas procederase á apertura dos novos quirófanos ou que nestes momentos están en fase de execución pequenas reformas e actuacións de mantemento en 24 centros de saúde. Ademais, nas próximas semanas tamén se abrirá o novo centro de saúde de Marín e realizaranse actuacións no Hospital de Día Oncolóxico do Hospital Provincial e de Montecelo.
Nun corto período de tempo tamén se porá en marcha o novo mamógrafo do centro de saúde de A Parda, co que mellorará a atención e detección precoz do cancro de mama, pois o actual mamógrafo que funciona na antiga delegación da Consellería de Sanidade na avenida de Vigo está obsoleto e atópase nunhas instalacións mellorables.
En relación co cancro, durante o primeiro semestre de 2016 púxose en marcha o programa de detección precoz de cancro de colon, que na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dará cobertura a preto de 75.000 persoas con idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos. Na actualidade, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra xa está atendendo aos primeiros pacientes derivados dos centros de saúde Virxe Peregrina, Bueu e San Roque de Vilagarcía.
O xerente destacou o funcionamento das vías rápidas de atención ao cancro de mama, colorrectal, melanoma, de pulmón, de vexiga e de otorrinolaringoloxía, que permitiron atender -nos seis primeiros meses de 2016- a 806 pacientes con sospeita de padecer estas patoloxías, un 12% máis que o ano anterior, nun prazo inferior a tres días.
O xerente; a directora de Enfermaría, Isabel Pérez García; e o director de Procesos de Procesos Asistenciais, José Antonio Ortigueira, fixeron especial referencia ao programa Conecta 72, posto en marcha no primeiro semestre do ano pasado e que realiza o seguimento dos pacientes 72 horas despois de que reciban a alta hospitalaria. A práctica totalidade dos pacientes susceptibles de entrar no programa durante o primeiro semestre do ano, preto de 6.700, foron citados e o grao de cumprimento supuxo un 99,6%.
En xeral, a actividade asistencial ordinaria rexistrou un incremento nos centros de saúde da área de Pontevedra e O Salnés, cun total de 1.413.228 consultas no primeiro semestre, preto de 20.000 máis que no mesmo período de 2015. Nos puntos de atención continuada (PAC) atendéronse 96.556 urxencias, cifra semellante á do primeiro semestre de 2015.
No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nos seis primeiros meses do ano houbo unha media diaria de 247 urxencias e realizáronse 56,5 intervencións cirúrxicas e 1.954 consultas. A actividade programada nos quirófanos acadou as 10.279 operacións e atendéronse 240.288 consultas externas, 5.000 máis que o ano anterior neste mesmo período.