O Entroido entra no laboratorio para facer unha análise
Por Oskar Viéitez
A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) celebrará en Pontevedra as "I Xornadas sobre o Entroido de Galiza", que terán lugar na Casa das Campás os días 21 e 22 de febreiro, a base de relatorios impartidos por diversos expertos na materia e dunha exposición de fotografías e atuendos tradicionais desta celebración que se locen nas localidades onde o Entroido ten máis raigame.
O xoves 21, a partir das 19:00 horas, Antonio Vázquez impartirá unha charla titulada "O entroido urbano en Pontevedra", dende a súa orixe no século XIX e o xurdimento da figura do Rei Urco, que preside os festexos na cidade.
Seguiralle José Ángel Rodríguez, cunha ponencia sobre "O Entroido en Vilaboa" e o protagonismo das madamas e galáns, que percorren as parroquias de San Andrés e Santa Cristina representando unha danza ancestral e lucindo chamativas vestimentas e tocados.
Por último, o etnógrafo Miguel Losada abordará "O Entroido en terras de Ourense", onde destacan as pantallas, os cigarróns e os peliqueiros no triángulo máxico que conforman as localidades de Xinzo, Verín e Laza.
Ao día seguinte intervirán, a partir da mesma hora, Nelson Salgado e Benito Salgado, que disertarán sobre "A fabricación de máscaras de cigarrón" e "O traxe de cigarrón", respectivamente. Trátase dunha das figuras centrais do Entroido ourensán, cunha continuidade que se transmite de xeración en xeración.
Paralelamente ás xornadas -nas que colabora o Concello de Pontevedra- permanecerá aberta ao público a exposición "O Entroido en Galiza", que se poderá visitar tamén os días 21 e 22, en horario de 17:00 a 21:00 horas. A mostra consta de fotografías, vestimentas e complementos das distintas modalidades do Entroido galego.