Aulas baleiras de nenos, pero cheas de obras
Por Redacción
As aulas dos colexios de Pontevedra levan semanas baleiras de nenos, pero durante estas próximas semanas ata o inicio do próximo curso académico no mes de setembro pasarán a encherse. Estarán cheas de obras, pois o Concello destinará un investimento de 98.339,39 euros a obras a realizar durante estes meses de verán, a metade do total investido ao longo do curso escolar, 182.504,84 euros.
Segundo informa o Concello, trátase de pequenos traballos de mantemento e conservación dos colexios dos que o maior investimento serán os 39.661,38 euros que se destinarán á limpeza, pintura e tratamento hidrofugante de fachadas no CEIP San Martiño de Salcedo.
No CEIP de Vilaverde destinaránse 16.102 euros ao arranxo de fontanería e falsos teitos e no CEIP Xunqueira I destinaranse 12.898 euros ao arranxo de dúas escaleiras de comunicación vertical, á limpeza de toda a superficie chorro a presión e sellado de pasos e ao arranxo dun treito do muro exterior.
Á renovación da fontanería no CEIP Barcelos destinaranse 6.252,29 euros; á colocación de varanda e porteiro electrónico no CEIP Xunqueira II, 10.801,69 euros; e no EEI Concepción Crespo Rivas realizaranse labores de mantemento do patio exterior coa limpeza de sumidoiros de pluviais, reposición de borde de madera en areneiros, suministro e verquido de area en areeiros e rasanteo de toda a superficie do patio, nas que se gastarán 9.960,94 euros.
Ademais, no CEIP Vidal Portela haberá pequenos arranxos e a reposición dos letreiros das aulas, faranse traballos de electricidade no colexio Parada-Campañó e subministro de material para arranxos no peche no CEIP de Cabanas.
A maior parte destas obras van a cargo do contrato de mantemento para pequenos arranxos nos centros de ensino asinado ao longo deste curso pola Concellaría de Educación por valor de 200.000 euros para as obras que se tiveran que facer nos colexios públicos do concello durante o curso, e tamén no verán. Esta contrato permite axilizar todas as obras, tanto en período lectivo como en vacacional.