A Casa do Pobo de Xustáns continuará moi activa durante este ano
Por Redacción
O alcalde, Andrés Díaz Sobral, e Constantino Souto, presidente da asociación de veciños San Martín, asentada nesta parroquia caldelán, asinaron o convenio de colaboración que permite cubrir os gastos de mantemento e limpeza da Casa do Pobo de Xustáns, sede da Escola Unitaria.
O convenio, cun importe de 3.500 euros, permite a continuidade durante este ano dunha actividade escolar que se desenvolve nun edificio compartido coas instalacións veciñais.
Andrés Díaz explicou o compromiso do Concello no apoio á actividade educativa na única escola unitaria que queda no municipio, pois o resto dos rapaces están escolarizados nos colexios Cordo Boullosa e da Reigosa. Mentres a Consellería de Educación, ou sexa a Xunta de Galicia, manteña aberta a escola, o Concello botará unha man, anunciou.
Por outra banda, o alcalde puxo en valor o esforzo municipal no apoio ao tecido social a través das obras de mantemento das casas do pobo, das que tres son de titularidade municipal mentres que a gran maioría son propiedade dos veciños. O Concello puxo en marcha un plan de actuacións que se ten traducido en actuacións en varias delas, que acumulaban problemas tras anos sen o adecuado mantemento.