A rúa da Barca, un mes pechada ao tráfico por obras
Por Redacción
A rúa da Barca, entre a praza Concepción Arenal e a glorieta da avenida de Uruguai, estará pechada ao tráfico durante un mes con motivo das obras de rehabilitación do firme.
O peche farase efectivo este xoves 14 de xullo a partir das 15.00 horas con motivo do inicio das obras de pavimentación. A actuación implicará un saneamento integral do firme, que presenta importantes fochancas e afundimentos e tamén refacer os pozos de servizo da rúa para resolver eses afundimentos.
Está previsto que a obra se prolongue polo prazo dun mes, tempo no que a rúa permanecerá pechada ao tráfico, pero, para minimizar as posibles molestias aos condutores, a Policía Local elaborou un plan de mobilidade na zona.
O plan de tráfico implica o cambio de sentido circulatorio da rúa Jofre de Tenorio. Ademais, prohibirase o estacionamento en ambas as dúas rúas: Jofre de Tenorio e A Barca.
Durante o tempo que duren as obras garantirase o acceso aos garaxes da rúa da Barca.