Unha marinense condenada a tres anos de prisión por tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial condenou a tres anos de prisión a unha veciña de Marín por un delito de tráfico de droga.
A acusada C. M. G. D., duns 27 anos de idade, pactou coa fiscal unha rebaixa na condena a cambio dunha rebaixa na petición de penas. Así, o Ministerio Público pedía inicialmente sete anos e medio de prisión e multa de 180.000 euros.
En virtude deste acordo ditouse unha sentenza firme condenando a esta muller a tres anos de prisión e o pago dunha multa de 35.000 euros.
Entre outras circunstancias a Fiscalía eliminou a agravante de sustancias de notoria gravidade ao comprobar a escasa pureza dos 400 gramos de heroína que transportaba e que estaban destinados á venda.
Se a acusada non paga a multa verá a súa condena de prisión ampliada en tres meses máis.
Os feitos tiveron lugar o 14 de agosto do pasado ano cando esta muller foi sorprendida pola Garda Civil cando transportaba droga na súa Ford Focus cando circulaba pola estrada entre Vilagarcía e Pontevedra, concretamente déronlle o alto na parroquia de Curro, no municipio de Barro.
A droga alcanzaría un valor no mercado ilícito de 54.800 euros.
TRAPICHEO NO GROVE
Simultaneamente na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra resolveuse mediante outro acordo de conformidade o xuízo contra M.O.C., unha muller á que o 25 de novembro de ano 2014 uns axentes da Garda Civil, nunha actuación na Praza do Corgo do Grove, a interceptaron cando levaba no bolso de man unha bolsa de plástico precintada con cinta de pegar cunha sustancia branca que resultou ser 10,262 gramos de cocaína, cunha riqueza do 3,1%.
No bolso de man, a imputada portaba entre oito e dez trozos plásticos, convenientemente recortados, dos que se usan para embolsar pequenas doses de cocaína, coa finalidade de destinala ao mercado ilícito.
As mostras tomadas á acusada e a proba pericial practicada acreditaron que esta muller é consumidora crónica, polo que cometeu os feitos por mor da súa grave adicción a estas sustancias.
Esta circunstancia foi tida en conta pola fiscal como unha atenuante moi cualificada, polo que, tras a confesión dos feitos por parte da acusada, pactou unha condena dun ano, seis meses e un día. Ademais deberá abonar unha multa de 90 euros cunha responsabilidade de dous días de privación de liberdade en caso de falta de pagamento.
A fiscal non se opón á suspensión da condena, aínda que a condiciona a que esta muller siga un tratamento de rehabilitación.