A débeda municipal de Ponte Caldelas é de 787.089 euros a día de hoxe
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Ponte Caldelas chegou a superar o listón do millón de euros de débeda ao longo do ano 2014 (un 29% sobre os ingresos correntes liquidados) a día de hoxe a débeda é 787.089 euros (por debaixo do 24% sobre os ingresos).
O obxectivo do goberno municipal para o próximo mes de decembro, co remate do actual exercizo é que a débeda municipal estea sobre os 700.000 euros, moi próxima xa ao 20%, cifras que consideran "bastante máis manexables e que marcan unha senda clara cara a un orzamento equilibrado".
O alcalde Andrés Díaz subliña que, de continuar así, en 2019, casi coincidindo co final deste mandato, Ponte Caldelas ingresará tanto como gastará. Isto é posible, explica o alcalde, porque temos tres créditos bancarios herdados do Partido Popular. Trátase de operacións pouco ventaxosas e que xeran intereses gravosos para o Concello. "En pouco tempo librarémonos deles e quedaremos só coa débeda da Caixa de Anticipos da Deputación, que, ao non ter xuros, non carga a economía local do mesmo xeito".
O plan do goberno tripartito local é amortizar en torno a 150.000 euros anuais.
Un plan de consolidación fiscal que se ve complementado pola axilización nos pagos, cumprindo a normativa estatal sobre morosidade.
Durante este primeiro ano de novo goberno local, o Concello de Ponte Caldelas pasou de incumprir a regra de aboar as facturas aos proveedores antes dos 30 días a anticiparse unha media de 1,60 días, segundo os últimos datos.
O alcalde indica que o único que pode comprometer esta folla de ruta é o bloqueo sistemático por parte da Xunta de Galicia, que non está a investir en Ponte Caldelas, "nun grave exercizo de discriminación cos seus habitantes".
REACCIÓN DO PARTIDO POPULAR
O Partido Popular de Ponte Caldelas tachou de "absoluta falsidade" os datos ofrecidos polo goberno local sobre a débeda.
Segundo afirmou o portavoz popular, Ricardo Castro, Ponte Caldelas só destina a pagar anualmente por todos os seus préstamos menos dun 5% do orzamento municipal e asegurou que os prestamos municipais no ano 2015, ano do cambio de goberno, ascendían a 828.534,56 euros, por tanto "non de máis dun millón de euros".
Ademais afirman os populares que estes préstamos "son na súa maioría sen interese, pagándose soamente por 3 deles un interese anual de 3.373,72 euros, o que supón un 0.4% de interese anual o cal non é un interese gravoso nin pouco vantaxoso como afirma Andrés Díaz".
Finalmente acusan o alcalde de ampararse nunha "suposta débeda para xustificar a súa incompetencia: leva un ano na alcaldía e aínda non fixo nada".