Suspendido un xuízo por abusos sexuais ante as dúbidas sobre a maioría de idade do acusado
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra suspendeu o xuízo contra I. H., por abusos a un menor. A avogada da defensa alegou que o acusado era menor de idade no momento no que presuntamente se produciron os feitos polo que deberá esclarecerse a idade do mozo para determinar que tribunal é o competente, se o de Menores ou a xustiza ordinaria.
A Fiscalía de Pontevedra reclama unha pena de catro anos de prisión para I. H., un home de orixe marroquí, por un delito de abusos sexuais contra un menor que non alcanzara aínda os 16 anos de idade.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, os feitos polos que lle xulgarán ocorreron na tarde do pasado 22 de xaneiro de 2016. O acusado estaba na Cidade Infantil Príncipe Felipe, xunto a un menor con trastorno xeneralizado do desenvolvemento, TDHA, epilepsia e problemas cognitivos e de aprendizaxe. En circunstancias das que non se achegaron detalles, "guiado por un ánimo libidinoso" presuntamente efectuoulle "tocamentos nos seus xenitais".
Non hai constancia de que lle causara ningún dano moral ao menor polo que non se reclama ningunha contía en materia de responsabilidade civil.
Ademais, o Fiscal pide que, unha vez alcance a liberdade condicional, substitúase a execución da pena que falte por cumprir pola súa expulsión do territorio español e a prohibición de regresar a España durante sete anos.
O acusado permanece en prisión provisional desde que foron denunciados estes feitos no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
DENUNCIAS DOS TRABALLADORES
Coincidindo con estas mesmas datas nas que supostamente tiveron lugar estes abusos sexuais, o sindicato Comisións Obreiras comparecía publicamente para denunciar que a Xunta de Galicia levaba "máis dun ano derivando menores conflitivos á Cidade Infantil Príncipe Felipe", en cuxas instalacións se atopan menores con distintos problemas familiares.
Segundo os representantes sindicais deste centro dependente da Deputación de Pontevedra, esta situación derivou nalgúns conflitos e mesmo agresións, tanto entre os propios rapaces como aos funcionarios da institución.
En concreto, José Ramón Piñeiro, delegado sindical de CC OO na Deputación, alertara que a Xunta facía "caso omiso" ante a "desprotección" na que se atopaban algúns nenos de 9 anos que estaban a convivir con menores de preto de 17 anos, que se atopan baixo control xudicial por casos como "agresións sexuais, abusos sexuais ou roubo con intimidación".
Esta situación foi corrixida despois de que o sindicato trasladase a denuncia á Valedora do Pobo e expuxese os feitos ante o xuíz de Menores de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Piden catro anos de prisión e a posterior expulsión de España para un acusado de abusar dun menor
Por Natalia Puga |
-
Comisións Obreiras denuncia ante a Valedora do Pobo o "peloteo" entre a Xunta e a Deputación co Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva pídelle á Xunta unha actuación inmediata para evitar agresións no Centro Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
Denuncian agresións por parte de menores conflitivos na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |