Piden tres anos de cárcere ao dono dun club de alterne por non dar de alta a 12 mulleres
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial sentou este martes C.V.S., administrador do club de alterne 'Mont Parnasse', situado na coñecida como recta da Goulla, en Meis (Pontevedra), acusado pola Fiscalía dun delito contra os dereitos dos traballadores.
A Fiscalía de Pontevedra solicitou ao remate da vista oral unha condena de tres anos de prisión e ao pago dunha multa de oito meses a razón de oito euros diarios. Ademais a representante do Ministerio Público solicitou a clausura durante tres anos deste local.
A fiscal tamén pediu a inhabilitación do procesado para o cargo de administrador de industria ou comercio durante tres anos e, en concepto de responsabilidade civil, solicita á Audiencia que lle condene a satisfacer á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cantidade que se determine en sentenza que non pagou polas cotas de afiliación dos seus traballadores.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, un control no local realizado na noite do 19 de febreiro de 2014 evidenciou que tiña un total de doce traballadoras, dos cales soamente dous estaban dadas de alta no réxime da Seguridade Social, nove non foron dados de alta, e unha traballadora non contaba o preceptivo permiso de traballo en España.
Aínda que durante a súa comparecencia na sala estas mulleres negaron que desempeñasen actividade algunha no local, a representante do Ministerio Público insistiu en que elas "cobraban una comisión por acostarse con los clientes" nas habitacións habilitadas no establecemento, o que supón unha "auténtica relación laboral". Ademais sinalou que as mulleres "tenían un horario, obligaciones y condiciones".
Pola súa banda o acusado asegurou que no sabía lo que hacían en el local", que el "no daba órdenes" e do mesmo xeito que declarou algunha das mulleres ante o tribunal "ellas eran clientas" que estaban a tomar unha copa "con sus maridos". Outra das mulleres insistiu na súa declaración en que se atopaba alí "voluntariamente".
Fronte a estes testemuños a Fiscalía e a Avogada do Estado insistiron en que o acusado cometeu un delito contra os dereitos dos traballadores por non cumprir coa obrigación de ter ás traballadoras da empresa dados de alta na Seguridade Social. Estas traballadoras que realizaban funcións de alterne cos clientes no citado local "incitándolles a tomar copas".
Todas elas eran mulleres procedentes de Colombia, Paraguai, República Dominicana, Brasil, Romanía e Venezuela.
O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
Suspendida a festa do club de alterne "Mont Parnasse" con churrasco e camareiras en top less
Por Oskar Viéitez |
-
Xuízo ao responsable dun club por ter ilegais a 12 mozas de alterne
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide que se clausure tres anos o club de alterne 'Montparnasse' por non dar de alta os seus traballadores
Por Natalia Puga |