Detidos dous menores que botaron ao río Gafos unha bicicleta que roubaran
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional detiveron o pasado sábado 18 de xuño dous menores de idade, ambos os dous veciños de Pontevedra, tras recoñecer roubar unha bicicleta a un terceiro menor, ao que pegaron unha labazada para quitarlla.
Pero o rechamante deste caso, máis aló do roubo, é que os mozos foron sorprendidos por un axente que se atopaba libre de servizo cando, nas inmediacións do río Gafos, observaban como tres persoas sacaban da interior da auga unha bicicleta.
O axente percibiu a presenza destes dous rapaces que observaban máis distanciados, a uns cincuenta metros, o que facían estes mozos na beira.
A bicicleta, como percibiu o policía, tiña as mesmas características da denunciada por un menor durante a noite do día anterior, cando foi sorprendido por dous mozos que lle agarraron o manillar da bicicleta de forma violenta e propináronlle unha labazada para que lles entregase a bicicleta.
Ademais, os dous mozos que observaban a certa distancia correspondíanse coas características achegadas polo menor denunciante como os autores da subtracción da súa bicicleta.
En vista dos feitos, o axente solicitou a presenza dunha patrulla no lugar e identificou aos presuntos autores do roubo con intimidación que confesaron espontaneamente a súa participación nos feitos e acabaron detidos por un delito de roubo con intimidación.
A bicicleta foi devolta ao seu propietario e os detidos, tras prestar declaración na comisaría, foron postos a disposición da Fiscalía de Menores.