O Galo Fodorico, descuberto en plena evasión fiscal, será enterrado o sábado en Poio
Por Redacción
Poio puxo data para o enterro do Galo Fodorico, unha das súas principais figuras do Entroido. Será este sábado 16 de febreiro ás 20:30 horas. Faleceu, segundo informaron os seus donos, aos 24 anos vítima dun ataque de mal gusto. O seu enterro, organizado pola Asociación Cultural e Vecinal Ronsel, Todos contra o lume e o Concello de Poio, promete ser multitudinario.
Pero para a súa vestimenta de temporada, o Galo Fodorico quixo estar moito máis pegado á actualidade. Ao fío dos últimos casos de corrupción, decidiu gardar todo o seu diñeiro, ben repartido en billetes de cincocentos euros, nunha maleta coa que emigrar e optar pola evasión fiscal e non pagar impostos en Poio.
O cortexo fúnebre, ao que están convocados "galiñas, polos, pitos e demais aves de curral", sairá da Praza do Mosteiro e percorrerá o municipio ata a Praza de Arís en San Xoán de Poio, onde se efectuará a lectura do testamento e posteriormente será incinerado.
Coincidindo co enterro, celebrarase unha verbena na súa honra amenizada polo Trío Starlux e un DJ, que irá acompañada dunha degustación de chourizo, orella e costela polo módico prezo de tres euros. En previsión de que saia unha xornada de mal tempo, todo o recinto estará cuberto por unha carpa.
Ademais, a concellería de Festexos que dirixe a nacionalista Margarita Caldas aproveitou a presentación deste evento para informar que outro gran desfile do Entroido de Poio, o do Galo Bruxo de Samieira, cambia de data. Terá lugar o domingo 17 de febreiro ás 17:00 horas. O resto do calendario do Entroido nas parroquias manterase tal cal estaba programado, entre eles o Enterro do Mexilón de Combarro (xoves 14, 20:00 horas) ou o Enterro do Berberecho de San Salvador de Poio (2 de marzo, 19:30 horas).