Novas caras na Mancomunidade de Montes de Pontevedra 16 anos despois
Por Redacción
O vicepresidente da Comunidade de Montes de Lourizán, Iván Pérez Berjano, é desde este sábado novo presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra. Non é a única novidade da directiva, que se renovou despois de 16 anos da anterior no transcurso da xuntanza que o colectivo mantivo en Salcedo. A renovación foi consecuencia da dimisión por motivos persoais do anterior responsable, Juan José González Crespo.
A nova Xunta Reitora complétana, como vicepresidenta, Ángeles Ríos Pintos, secretaria da Comunidade de Montes de Tomeza; como secretario, José Bravo Portela, presidente da Comunidade de Montes do Salgueiral – Bora; e, como tesoureira, Diana Rodríguez Regueira, presidenta da Comunidade de Montes de Tomeza. Como vogais actuarán Humberto Villanueva, de Castro-Lampán; Xosé Carlos Morgade, que se manterá na portavocía para garantir o proceso de transición; José María Domínguez, de Campañó; Fernando Pintos, de Salcedo; e un membro da Xunta Reitora de Ponte Sampaio.
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra elixiu en asemblea esta nova Xunta Reitora logo da dimisión por sorpresa do presidente e porque tamén a renovación do tesoureiro estaba pendente desde finais do ano pasado. Todos os presentes agradeceron o traballo realizado polo equipo que estivo á fronte da entidade durante 16 anos.
A elección da nova Xunta Reitora supón a incorporación dun equipo novo que debe afrontar na nova etapa os problemas de xestión do monte veciñal e das demandas que os comuneiros de cada parroquia e unha poboación cada vez máis urbana requiren do monte veciñal. Cuestións como os incendios forestais, o gando bravo, a presenza de novos usuarios como ciclistas ou sendeiristas, os novos aproveitamentos ou os impactos negativos das infraestruturas urbanas serán asuntos a tratar.