BNG e Comisións Obreiras piden ao Concello de Marín que asuma a xestión do servizo de lixo
Por Oskar Viéitez
O BNG e a Unión Comarcal de Comisións Obreiras demandaron ao Concello de Marín que asuma a xestión directa do servizo público de limpeza e recollida de lixo.
O BNG quere que se realice un estudo por parte dos servizos técnicos municipais sobre a viabilidade desta remunicipalización deste servizo ante os problemas rexistrados ao longo da concesión que mantivo a empresa Urbaser durante os últimos 16 anos e que reconsidere a súa postura sobre unha nova licitación do contrato de recollida de lixos.
Pola súa banda, o sindicato CCOO tampouco comparte a proposta de promover unha nova licitación xa que considera que a xestión pública "garantiría un mellor servizo, co consecuente abaratamento do gasto, tendo en conta que non se contempla ningunha porcentaxe de beneficio empresarial, nin IVE na súa xestión" e por suposto, "unha garantía para o persoal do persoal".
Pero se o goberno local de Marín decide seguir adiante sacando este servizo en concesión, os representantes dos traballadores consideran que o prego da oferta debería conter unha contía económica "que garanta o correcto desenvolvemento do servizo, que non faga caer sobre as costas dos traballadores calquera operación que se poida producir".
Entre outras condicións, ademais da garantía de mantemento da totalidade do persoal, tamén reclaman que o centro de traballo e as instalacións da empresa estean situadas en Marín e do mesmo xeito piden que o persoal non realice traballos fóra deste termo municipal.