A Alameda de Seixo mellora o seu entarimado para evitar accidentes
Por Redacción
Os operarios do Concello de Marín acometen durante estes días os traballos de reparación do entarimado que son precisos para evitar problemas de seguridade na Alameda de Seixo. Segundo apuntan desde o goberno local, este espazo é utilizado por moitos nenos e o mal estado da tarima provoca un risco para as persoas que se atopan nesta zona.
A obra, segundo o goberno de María Ramallo, sempre causou problemas. Trátase dun traballo realizado ao amparo do Plan E e polo momento, apuntan, non se pode cambiar o proxecto. Con todo, desde o Concello sinalan que o seu obxectivo é converter este espazo nunha zona máis cómoda e útil para os veciños, con máis atractivo de lecer e máis accesible.
Os dirixentes locais entenden que o máis urxente é que o espazo ofreza as garantías de seguridade suficientes para evitar danos entre os usuarios.