UGT reduce de seis a tres as súas federacións
Por Redacción
O sindicato UGT aprobou no seu congreso confederal reducir de seis a tres as súas federacións sectoriais nun proceso que levou este sábado á configuración da nova estrutura provincial da Federación de Empregados e Empregadas dos Servizos Públicos de UGT (FeSP-UGT).
Este é o resultado da unión entre a actual Federación de Servizos Públicos (FSP) e a Federación de Traballadores do Ensino (FETE), ademais de outros sectores ubicados en diferentes organismos do sindicato.
A executiva elixida o sábado contará con 14 membros, 7 homes e 7 mulleres e pasará a ter a súa actividade central nas oficinas da capital da provincia.
O novo secretario xeral, José Manuel Civeira Moure, fixo fincapé nas políticas de igualdade como piar fundamental do funcionamento da nova organización, así como na necesidade de potenciar a acción sindical nos centros de traballo e facer da transparencia un valor do sindicato. Reivindicou a importancia de manter uns servizos xurídicos de proximidade como instrumento fundamental de atención á afiliación.
Pola súa parte a nova número dous da Federación, a arousá Rosa Casal, declarou sentirse “con gañas e ilusión con este novo proxecto e, sobre todo moi responsabilizada” para “loitar por uns servizos públicos de calidade para toda a cidadanía, loitar pola dignidade e as condicións das empregadas e empregados públicos, tendo como núcleo central o freo ás políticas privatizadoras en materia sanitaria”.
A nova organización desenvolverá a súa acción sindical no ámbito da Administración Xeral do Estado, a administración autonómica, incluída a sanidade e a xustiza, a administración local, a administración postal ou os centros educativos públicos e privados.
Así mesmo, a nova organización tamén abarcará a colectivos que, baixo a iniciativa ou xestión privada, prestan servizos públicos esenciais á cidadanía en sectores como a dependencia, servizos sociosanitarios, limpeza, mutuas ou ambulancias.