Os funcionarios denuncian o "amiguismo" e as "prácticas caciquís" da Subdelegación
Por Redacción
A Xunta de Persoal funcionario de Pontevedra fíxose eco das voces de boa parte do persoal da Administración do Estado na provincia que denuncia o sistema de selección para traballar durante a xornada electoral do próximo 26 de xuño.
A responsabilidade de seleccionar ao persoal que debe actuar como representante da administración ante as meses electorais recae na Subdelegación do Goberno "quen insiste en manter un sistema de selección arbitrario, de proteción de amiguismo e caciquil", ao entender desta xunta.
Un sistema que consiste en "permitir que o persoal seleccionado poida avalar a outros dous funcionarios da súa confianza para que tamén realicen estas funcións" e que, segundo denuncian "carece dos máis elementais principios de transparencia, publicidade, obxectividade, igualdade e participación" que debe rexer en calquera proceso que afecta a unha administración pública.