Tráfico propuxo realizar recoñecementos psicofísicos extraordinarios a 57 condutores pontevedreses en tres anos
Por Natalia Puga
O subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra propuxo nos tres últimos anos á Xefatura Provincial de Tráfico que un total de 57 condutores fosen sometidos a un recoñecemento extraordinario de aptitudes psicofísicas para valorar se podían seguir conducindo.
Segundo os datos facilitados pola Garda Civil, o resultado das propostas xa se puido ver e 35 destes condutores foron declarados non aptos para a condución, 3 aptos con limitacións e outros 3 aptos sen limitacións. Os 16 casos restantes están pendentes de resolución.
A proposta de realizar este tipo de recoñecementos extraordinarios realízase a condutores como o detectado este mesmo martes na estrada PO-552 en Santa María de Oia, circulando de forma neglixente con evidente risco para si mesmo e os demais usuarios da vía.
Neste caso en concreto, trátase dun condutor de 78 anos de idade ao que os axentes viron circular varios metros en zig-zag ocupando, en ocasións, o sentido contrario da circulación, estando a piques de invadir a beirarrúa situada na marxe dereita do sentido da marcha. Cando lle pararon, comprobaron que levaba unha importante cantidade de pedras no vehículo, moitas delas no mesmo lugar do condutor, situadas entre os pedais de manexo dos mandos do vehículo, dificultando gravemente a seguridade da condución.
O condutor, ademais, mostraba un estado de especial decaimiento con falta de atención xeral ás indicacións dos axentes, de modo que foi denunciado, pero tamén propuxeron á Xefatura Provincial de Tráfico que sexa sometido a un recoñecemento extraordinario de aptitudes psicofísicas.
Na provincia propuxéronse recoñecementos deste tipo a 10 condutores no ano 2014, 18 en 2015 e 29 no que vai de ano este ano 2016. Do total de 57 condutores propostos para esta medida extraordinaria, o 91% superaba os 70 anos de idade e a maior parte son homes. De feito, só 8 eran mulleres.