Ciudadanos recorre a Pontevedra, con María Rey á fronte, para a súa candidatura ao Congreso
Por Alejandro Espiño
Catro dos sete integrantes da candidatura de Cidadáns ao Congreso pola provincia nas eleccións do 26-X pertencen á agrupación local de Pontevedra, entre eles a súa cabeza de lista, María Rey, edil na corporación municipal.
É unha clara mostra da importancia que para o partido de Albert Rivera ten a formación na cidade de Pontevedra, ao ser principal referencia na provincia.
Foi precisamente a emblemática Praza da Leña a que Cidadáns escolleu este martes para presentar esta candidatura na que Feliciano Pazos, afiliado en Vigo, ocupa o número 2 da lista. Son as principais novidades nunha provincia na que, segundo María Rey, "no hay malestar" con respecto aos cambios con respecto ás eleccións de decembro.
"Volvemos con la ilusión de intentar asentar Ciudadanos en la provincia de Pontevedra", explicou a candidata da formación laranxa, que espera lograr polo menos un deputado pola provincia nesta nova cita coas urnas.
Para iso, Rey avanzou algunhas das propostas que o partido presentará nunha campaña "muy en la calle". Así, Cidadáns aposta por unha mellor repartición das cotas de pesca, por un aeroporto único con tres terminais e por portos complementarios, un sector naval máis competitivo e unha comisaría nova da Policía Nacional para Redondela.
No caso de ser elixida como deputada, María Rey analizará co partido se pode compaxinalo ou non coa súa posición como concelleira en Pontevedra, aínda que a ela gustaríalle porque "las mujeres podemos compaginar muchas cosas y puedo intentarlo".
A candidatura de Cidadáns por Pontevedra inclúe aos pontevedreses Cintia Solla (número 3), Miguel Ángel Castro (número 5) e Cristian Ramírez (número 6). O resto da lista complétase con Josefa Casado, candidata á alcaldía de Vigo, e unha militante da Cañiza nos postos 4 e 7 respectivamente.
O portavoz de Cidadáns na Lama, Andrés Cal, é o cabeza de lista para o Senado.