Un condutor sen carné atropela un pai e ao seu fillo nunha terraza do Grove
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un mozo de 27 anos, que circulaba polo Paseo Lordelo no Grove, atropelaba durante as últimas horas da tarde deste domingo 5 dúas persoas que se atopaban na terraza da local Taberna da Crus.
O suceso producíase ás 21.40 horas cando o mozo saía da vía e impactaba contra o muro da casa situada a carón do establecemento onde se atopaban numerosas persoas a esa hora gozando dunha festa.
Os dous atropelados son un pai e un fillo que se atopaban tomando unha consumición no exterior do establecemento. O mozo condutor carecía de carné e, segundo publica o Faro de Vigo, deu positivo en cocaína no control de drogas.
Ata a zona acudiron efectivos da Policía Local do Grove, Garda Civil de Tráfico, Emerxencias de Sanxenxo, Protección Civil do Grove e dúas ambulancias medicalizadas, segundo apunta o 061. Os dous atropelados foron trasladados con feridas de diversa consideración ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
A Policía Local do Grove instrúe dilixencias polo ocorrido, aínda que pediu colaboración da Garda Civil de Tráfico para someter ao condutor á proba de alcoholemia. Tras dar positivo, o piloto foi detido, pero xa quedou en liberdade antes da súa posta a disposición xudicial á espera de que lle requira o Xulgado de Cambados para a súa comparecencia.