Atopan morto un mergullador desaparecido cando traballaba nunha embarcación no Porto de Tragove
Por Redacción
Un mergullador foi localizado morto ás 13.15 horas desta tarde no porto de Tragove en Cambados, á altura da zona de Ourido.
O home, que pertencía á confraría de pescadores de Cambados, estaba a realizar traballos nun barco de pesca despois de estar extraendo navalla na compaña do seu sobriño, segundo indicaron fontes de Salvamento Marítimo e de Protección Civil. Compañeiros do mergullador deron a alarma cando levaba máis dunha hora na auga, ás 11.15 horas, e non saía á superficie.
Na procura deste operativo coordinado por Salvamento Marítimo participaron a embarcación Salvamar Sargadelos, a Garda Civil tanto da patrulla de Cambados como os GEAS, efectivos de Protección Civil, da Policía Local e da confraría de Cambados. Tamén se desprazou ata a zona o helicóptero Pesca I.
Segundo informa o 112, distintos particulares, que se atopaban faenando pola zona levaron a cabo labores de rastrexo na contorna de onde se produciu a desaparición. O Servizo de Gardacostas de Galicia e Urxencias Médicas tamén foron informados da desaparición.