O fiscal pide que se arquive a segunda causa da operación Patos derivada a Pontevedra, a relativa a Ence
Por Natalia Puga
A Fiscalía de Pontevedra pediu o arquivo provisional dunha das catro causas separadas da operación Patos que chegaron a Pontevedra tras dividirse o macro procedemento que investigaba o Xulgado de Instrución número 7 de Vigo por unha suposta rede de tráfico de influencias con varias empresas e administracións públicas implicadas.
Ese sobresemento afecta á peza que investigaba as presuntas irregularidades nunhas subvencións recibidas pola empresa Ence e é xa o segundo procedemento ao que se deu carpetazo, despois de que o Xulgado de Instrución número 2 decidise arquivar provisionalmente a investigación relativa aos supostos enchufes de Cespa no Concello da capital.
No caso da causa de Ence, o fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, conclúe que o feito investigado "non integra os elementos do tipo de fraude de subvencións" e pide ao Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra no que caeu a causa que decrete o seu sobresemento provisional. Iso si, establece un reproche moral á forma de actuar de Ence e matiza que pide o arquivo "con independencia da valoración ética do feito analizado".
A investigación céntrase nun proxecto de realización de servizos externos a Ence realizado con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia e contratado á empresa Toysal (Toca e Salgado) por 12.270 euros. Nas súas conclusións, o fiscal pide o arquivo porque a cantidade facturada foi "claramente inferior" á esixida polos tipos penais e "non consta que que non sexa procedente na súa totalidade", pois polo menos unha porcentaxe importante estaría xustificada por realizarse o traballo facturado.
No seu escrito de petición de arquivo, o fiscal fai referencia ao informe da Policía Xudicial realizado nesta causa, que sinala que Ence solicitou outros orzamentos a maiores de Toysal para realizar o proxecto en cuestión, tal e como esixían as bases da convocatoria da subvención, pero é probable que os orzamentos presentados por esas outras empresas "fosen de favor" e non tivesen o propósito serio de pedir outras opcións como se esixía.
O escrito que está xa en mans do Xulgado de instrución número 1 indica que Ence si realizou o proxecto para o que solicitou a subvención e a empresa Toysal realizou os traballos contratados, pero a dúbida xorde en se eses traballos puideron ser realizados por outra empresa por un prezo inferior, incorrendo, por tanto, nunha irregularidade.
Aínda admitindo esa posibilidade, o fiscal recolle que o feito podería ser cuestionable, pero non un delito, pois o Código Penal esixe, para considerar a acción unha fraude, que a subvención sexa superior a 120.000 euros, 50.000 euros no caso de subvencións cuxo diñeiro proceda da Unión Europea como neste caso.
Relacionadas:
-
O xulgado arquiva todas as causas que vinculaban ao Concello de Pontevedra coa "Operación Patos"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello, sobre o arquivo do caso Cespa: "Non estarían de máis" as desculpas do PP
Por Alejandro Espiño |
-
Carpetazo xudicial aos enchufes en Cespa: a xustiza non aprecia delito e arquiva a causa
Por Alejandro Espiño |
-
Citan a tres funcionarios como testemuñas polas obras de Eiriña investigadas na Operación Patos
Por Alejandro Espiño |
-
O arquivo da causa sobre os presuntos 'enchufes' de Cespa en Pontevedra chegará á Audiencia
Por Redacción |
-
O xuíz sobresé de forma provisional a causa dos supostos "enchufes" en Cespa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A xuíza da Operación Patos imputa a Louzán
Por Redacción |
-
Rexistros en Deputación e Concello na busca de contratos de obras públicas con varias empresas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada