A imaxe de San Telmo percorre o centro histórico na procesión do Corpus
Por Diego Torrado
Na capela de San Roque dábanse cita na mañá deste domingo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e varios concelleiros da corporación tanto do BNG como do Partido Popular, co portavoz Jacobo Moreira á cabeza. O encontro producíase para formar parte dun ritual do Gremio de Mareantes, recuperado no século XX e que se mantén co traslado dos pasos de San Miguel e de San Telmo desde A Moureira para participar na procesión do Corpus Christi.
Na capela, os representantes da corporación municipal, acompañados pola música dos integrantes da Banda de Música de Pontevedra, cumpriron coa tradición de tomar o pan de millo e a copa de cana coa directiva do Gremio de Mareantes.
A choiva non chegou a impedir que se celebrase, a continuación, a procesión relixiosa que, este ano, partiu da igrexa de San Bartolomé ás 11.00 horas co pendón, as tallas relixiosas e os cetros do Santísimo, acompañados polo grupo de gaitas os Alegres de Pontevedra.
A inestabilidade meteorolóxica obrigou a que, este ano, as alfombras florais do Corpus realizásense no interior da basílica de Santa María e tamén no cruceiro situado fronte ao tempo.