A colaboración vasco-galega en materia de gastronomía cociñarase en Casa Solla
Por Redacción
O Restaurante Casa Solla poñerá a cociña do que pode converterse en inicio dunha colaboración vasco-galega en materia de gastronomía.
A Fundación Basque Culinary Center organizou para o mércores 13 de febreiro unha xornada no Restaurante Solla co motivo de dar a coñecer e divulgar o seu labor no ámbito do ensino, a gastronomía e a investigación en ambos os dous campos.
Presentarán aos medios de comunicación e a cociñeiros galegos e institucións este proxecto co fin de xuntar posturas, compartir experiencias e buscar, se as houbese, posibles colaboracións entre dúas comunidades tan afíns no plano turístico-gastronómico.
Basque Culinary Center é unha fundación creada grazas a Mondragon Unibertsitatea, os cociñeiros vascos e as institucións públicas co obxectivo de garantir a continuidade da cociña como polo de innovación no futuro. Consideran que intercambios como o que se promove en Casa Solla este mércores "son dun interese especial pola súa achega á dinamización dun sector que cremos básico dentro da economía galega e o mellor reclamo turístico da nosa comunidade, máxime nos momentos actuais,".
O Basque Culinary Center está impulsado por xefes de cociña do País Vasco como Arzak, Martín Berasategi, Pedro Subijana, Hilario Arbelaitz e Eneko Atxa, ademais de Ferran Adrià, que colabora como asesor en labores estratéxicos internacionais. Este mércores presentarase en Casa Solla da man do seu presidente, Joxe Mari Aizega, e do profesor Mikel Ceberio.
Entre os convidados está a Xunta de Galicia e a Deputacón de Pontevedra, así como os cociñeiros do Grupo NOVE, os bodegueiros Marta Castro e Rodrigo Méndez e o presidente da Asociación Galega de Enoturismo, José Luis Vilanova.