"Indignación" entre os alcaldes socialistas pola repartición "caciquil" das axudas da Xunta para reformas nos colexios
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os alcaldes e representantes dos gobernos locais do Partido Socialista na provincia de Pontevedra mostraron a súa "indignación" coa Xunta a raíz da repartición "caciquil" de axudas para realizar obras de conservación e mantemento nos colexios públicos.
O problema nace o pasado 5 de maio na delegación da Xunta en Campolongo durante a convocatoria do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o xefe territorial do departamento en Pontevedra, César Pérez Ares, para asinar convenios con sesenta municipios da provincia por un total de 4,6 millóns de euros.
Todos os rexedores asinaron o convenio sen lelo, excepto o alcalde de Nigrán, Juan González, que se negou a rubricar un documento polo que o seu concello só recibirá da Xunta 2.000 euros de axuda para acometer obras en seis colexios.
Días despois o resto de alcaldes do PSOE descubriron con "sorpresa" que o financiamento da Consellería para as súas concellos tampouco se axustaba ás necesidades que presentan os centros escolares dos seus municipios e ademais din que é "discriminatoria" e "partidista" xa que os concellos do Partido Popular reciben asignacións que oscilan entre os 100.000 e os 200.000 euros, "e mesmo 500.000 euros nalgún caso".
Nunha reunión celebrada este mércores na sede do PSdeG en Pontevedra, os rexedores socialistas abordaron esta situación convocados polo secretario xeral de PSdeG, Santos Héctor, e coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que considerou que esta actitude é "vergonzosamente dramática".
Carmela Silva comprometeuse a estudar "se este tipo de comportamentos administrativos cumpren coa legalidade" e ademais anunciou que remitirá unha carta ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para que informe de maneira "inmediata" dos criterios que se seguiron para a repartición de recursos en cada un dos concellos e que obras e como se van a facer.
"Isto é un escándalo propio dunha república bananera", concluíu a presidenta da Deputación.
REACCIÓN DO PARTIDO POPULAR
O grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra di estar "sorprendido" por estas declaracións que califican coma "insidiosas".
Nun comunicado aseguran os populares que todas as actuacións recollidas nos distintos convenios "foron previamente informadas desde a Xunta de Galicia e consensuadas cos distintos gobernos locais".
Desde o PP de Pontevedra "négase rotundamente que exista discriminación ou agravio comparativo", e indican que hai "unha lista de prioridades" segundo as necesidades dos centros dos 60 municipios de Pontevedra que asinaron este acordo.
Ademáis adiantan que "con seguridade" a Consellería "estará disposta a seguir afondando na liña de diálogo e entendemento" e apuntan que dende Educación emprazarán aos responsables destes concellos e á propia Deputación de Pontevedra, a "buscar novas vías de cooperación interadministrativa, tendo en conta que non se está ante un acordo pechado, senón que se poden ir incorporando novas accións segundo as necesidades".
Finalmente critican un "claro posicionamento partidista" por parte da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "que lonxe de representar a todos os concellos da provincia, defende unicamente os intereses dos concellos socialistas".
Relacionadas:
-
Os socialistas reclaman á Valedora do Pobo pola discriminación da Consellería de Educación
Por Redacción |
-
O xefe Territorial de Educación nega "favoritismo partidista" no reparto de axudas da Xunta
Por Redacción |
-
Destinan 4,6 millóns de euros a mellorar as infraestruturas educativas da provincia
Por Oskar Viéitez |