Detido co botín escondido nos calzóns tras roubar en dúas vivendas en Vilagarcía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un home como presunto autor de dous roubos no interior de vivendas de Vilagarcía tras sorprendelo in fraganti cando estaba dentro da segunda casa e levaba nos calzóns parte do botín.
Os axentes mobilizáronse tras recibir unha chamada dun veciño da zona que vira a un individuo accedendo a través dunha xanela a unha vivenda. Dirixíronse inmediatamente ao lugar e sorprenderon ao individuo cando saltaba un enreixado de arame dunha leira con dúas vivendas.
Ao decatarse da presenza policial, saíu fuxindo a fume de carozo polo que se iniciou unha persecución policial ata a rúa Pardo Bazán, onde foi interceptado polos axentes. Nun cacheo superficial incautáronlle múltiples xoias e un desaparafusador ocultos na roupa interior.
O home foi detido por dous roubos con forza e trasladado a dependencias policiais. Tras prestar declaración, foi posto a disposición da autoridade xudicial.