Sanxenxo acolle as prácticas das Xornadas Estatais de Educación Viaria
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa, participarán o mércores na inauguración das XI Xornadas Estatais de Educación Viaria, que por primeira vez celebraranse en Galicia e que terán a Sanxenxo como unha das súas sedes, concretamente para a xornada práctica.
Trátase dunha actividade organizada pola Fetevi en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública e desenvolveranse baixo o título "Xornadas Estatais de Educación Viaria para a Mobilidade Segura e Sustentable".
A xornada inaugural, que terá lugar na Estrada na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, estará presidida por Santiago Villanueva Álvarez, delegado do Goberno en Galicia, así como por Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta; Luís Menor Pérez, director xeral da AGASP; o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita e Bienvenido Nieto, presidente de Fetevi.
Trátase dunhas xornadas orientadas a profesionais relacionados coa educación e a seguridade tales como policías, bombeiros, membros de Protección Civil e persoal docente, entre outros, co obxectivo de mostrarlles as últimas novidades relacionadas co sector da seguridade.
Cada unha das xornadas estará destinada a unha temática específica, a primeira delas comezará cun Taller de Comunicación, que concluirá con dúas demostracións, unha a cargo do Poli Paco e outra de Pepe Vázquez.
Pola tarde, unha charla sobre condución emocional e unha visita a un taller de dron completarán un programa que conclúe cunha charla sobre dinámicas no proceso de ensino-aprendizaxe de educación viaria.
A segunda, que será a que se celebre en Sanxenxo, no Pazo Emilia Pardo Bazán, comezará cunha charla sobre a "Robótica desde a emoción" e dedicará parte da mañá para poñer en común a experiencia de varios municipios en traballo sobre seguridade viaria. Axentes de Verín, Vigo, Foz e A Coruña explicarán as súas experiencias.
Pola tarde, mostrarán como as novas tecnoloxías se poden aplicar á seguridade viaria.