Sanxenxo destinará 233.401 euros a contratar socorristas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo celebrou este luns as probas de selección do persoal que reforzará no verán o servizo de vixilancia en praias, á que a administración local destinará unha contía aproximada de 233.401 euros. Ao proceso desenvolvido na praia de Silgar e no Pazo Emilia Pardo Bazán presentáronse 53 candidatos aos postos de socorristas e 16 sanitarios, que non tiveron que realizar a proba de natación.
A praia de Silgar foi o escenario das probas físicas nas que participaron un total de 53 aspirantes a socorristas e que consistiron en correr 200 metros pola area co material de salvamento (aletas e flopi), entrar na auga e nadar 800 metros ata unha boia e superar outros 200 metros de carreira pola praia portando as aletas e o flopi.
Posteriormente tiveron lugar os exames teóricos.
A puntuación obtida nas probas realizadas, superadas por todos os aspirantes, arroxa unha puntuación que determinará a orde na Bolsa de Traballo que o Concello creará a efectos de cubrir as 60 prazas necesarias para dar cobertura ás necesidades de atención sanitaria nas praias.
O Concello de Sanxenxo modificou este ano as condicións laborais dos socorristas de forma que os soldos veranse incrementados, con respecto ao ano pasado, nun 18%, o que se pode cuantificar en case 200 euros mensuais. Así socorristas e sanitarios percibirán 1.187,28 euros brutos mentres que os xefes de posto (dez en total) terán un complemento que elevará o seu salario ata os 1.428,11 euros.
Son un total de 60 socorristas e sanitarios os que o Concello de Sanxenxo quere sumar ao seu persoal este verán. Quince deles terán un contrato de 3 meses e os outros 45 serán contratados por un período de dous meses.
Relacionadas:
-
Comproban en Silgar como un "dron socorrista" tarda dez segundos en achegar un flotador a un bañista en apretos
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo cobrarán este verán un mínimo de 1.187 euros brutos
Por Redacción |
-
Sanxenxo incentiva a selección de socorristas e sanitarios cun incremento salarial do 18%
Por Redacción |
-
Abren o prazo para optar a nove postos de socorrista en Bueu
Por Redacción |