Este sábado non metas o coche no centro, podes topar cunha comparsa... ou co guindastre
Por Redacción
Nesta fin de semana, o Concello de Pontevedra entra de cheo no entroido e ademais de encher a rúa de disfraces e trouleiros require tomar algún tipo de precuacións. Este sábado 9 de febreiro celébrase o tradicional desfile, coas conseguintes restriccións na mobilidade polas rúas do centro.
A Policía Local advirte que con motivo do desfile queda prohibido estacionar a partir das 8.00 horas na rúa Xosé Malvar, lugar de concentración das carrozas e comparsas participantes.
As persoas que non sigan esta recomendación, cando vaian recoller o coche poden atoparse cunha sorpresa. Ou se cruzan cunha comparsa ou topan de cheo co guindastre que lle está retirando o vehículo ou cunha multa por estacionamento incorrecto.
Ademais, a partir das 12.00 horas prohíbese o estacionamento en Loureiro Crespo e Benito Corbal e ás 15.30 procederase ao corte da rúa Xosé Malvar.
Ás 16.30 horas cortarase a circulación nas vías polas que discorre o desfile: Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena, Praza de España, Alameda e Echegaray. Arredor das 20.00 horas procederase á apertura das rúas pechadas ao tráfico.