Recoñecemento universitario á aposta da sanxenxina Enmacosa polo I+D+i
Por Redacción
A consultaría técnica Enmacosa, radicada en Portonovo, ven de ser posta en valor polo seu compromiso empresarial coa universidade en asuntos como a investigación e o desenvolvemento.
O recoñecemento ven da man do Consello Social da Universidade da Coruña, que concedeu á sanxenxina Enmacosa o 'Premio Confianza UDC', un galardón ideado para agradecer o compromiso empresarial coa institución educativa, principalmente en temas de investigación e desenvolvemento, e tender deste xeito pontes entre empresas, sociedade e universidade.
O xerente da consultaría técnica, Manuel Miranda, recolleu o premio nun acto no que o Consello Social salientou ademais a importancia da aposta de Enmacosa pola formación en competencias e a inserción laboral dos titulados da UDC, á vista da súa intensa participación nos programas de prácticas profesionais e do peso que teñen os titulados universitarios no cadro de persoal.
Enmacosa ten na I+D+i un dos eixos do seu desenvolvemento. Nos últimos anos, esa aposta de Enmacosa S.A. tivo un notable reflexo na colaboración coa UDC, que se materializou en múltiples e importantes iniciativas no eido do fomento da formación en competencias do alumnado, da inserción laboral dos antigos estudantes, e da promoción da investigación e a transferencia de tecnoloxía.
Actualmente a empresa participa xunto á UDC na posta en marcha de tres proxectos de I+D cun orzamento total de 1,7 millóns de euros ata 2014. Trátase dos proxectos Odisea (de optimización do deseño de estruturas de torres de alta tensión), Meteores (busca o desenvolvemento e mellora de modelos teóricos de formigón a partir da súa dosificación mediante técnicas de programación xenética e redes de neuronas artificiais) e Tovías (busca desenvolver un sistema de visualización, interacción e análise topográfica).