Lanzamento de bicos no CHOP polo día do neno hospitalizado
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra celebraba este venres o Día do Neno Hospitalizado cun lanzamento de bicos a todos os cativos que se atopan ingresados.
A acción, promovida por la Fundación Atresmedia, tamén ten como obxectivo institucionalizar o 13 de maio a nivel internacional como data oficial para a render homenaxe aos pequenos e ás súas familias.
Entre as actividades que o persoal da área de Pediatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra levou a cabo para conmemorar este día, destacan a colocación de globos vermellos con bicos estampados na Escola do Hospital Provincial e nalgunhas habitacións, a confección de carteis relacionados coa temática da xornada; a entrega de corazóns aos nenos ingresados, que foron preparados polo alumnado de Educación Infantil do Colexio Xunqueira I, e o reparto de sorrisos que fixeron os pacientes da unidade de Psiquiatría.
Así, o persoal de enfermaría e os pacientes do Hospital de Día Psiquiátrico quixeron achegar o seu gran de area e participaron na xornada enviando un bico aos pequenos a través dunhas chapas que deseñaron eles mesmos ao longo desta semana, incluíndo este labor nos seus traballos de rehabilitación, entre os que se contempla a elaboración de tarefas manuais.
Os agasallos foron entregados aos nenos dentro de caixas de medicamentos decoradas, coa finalidade de amosar que os labores do persoal de enfermaría non só están centrados en administrar as menciñas ás persoas ingresadas, senón tamén en transmitir ese agarimo e calor humano tan necesarios en determinadas ocasións.
Por outra banda, a Fundación Abracadabra de Magos Solidarios tamén quixo sumarse á conmemoración do Día do Neno Hospitalizado no Complexo Hospitalario de Pontevedra e levará ao Hospital Provincial un espectáculo de maxia para amenizar a tarde deste venres aos cativos ingresados.