A Garda Civil desarticula unha rede de tráfico de drogas que operaba na comarca de Arousa
Por Oskar Viéitez
Axentes do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas (EDOA) da Garda Civil da Comandancia da Coruña desarticularon unha rede de distribución de drogas na comarca de Arousa no marco da bautizada como Operación Tincan.
Segundo informan fontes oficiais do Instituto Armado, no marco desta operación foron detidas seis persoas, a maior parte con antecedentes delituosos por tráfico de drogas, algúns dos cales xa foran obxecto dunha anterior operación policial realizada en 2007, os membros desta rede adoptaban estritas medidas de seguridade para manterse en contacto.
Ademais, elixiron unha casa situada no lugar de Areeiro-Sobradelo para almacenar a principal partida de droga da que dispoñían en cada momento e ocultábana enterrada nun depósito instalado para o efecto nunha zona próxima a unhas cuadras.
No transcurso da operación tamén se procedeu ao rexistro de cinco vivendas e incautáronse 65.000 euros en efectivo e coches de alta gama.
Os axentes incautaron dun quilogramo de cocaína, medio de heroína, haxix, 100 plantas de cannabis, instrumentos habitualmente empregados para a adulteración.
Esta investigación comezou despois de que se detectase a existencia dun importante punto de distribución de sustancias estupefacientes que fornecía droga de maneira continuada a numerosos toxicómanos e traficantes de menor entidade da comarca do Barbanza e outras localidades limítrofes.
Ao comezo das pescudas, os axentes comprobaron a existencia de "un intenso tráfico ilícito" que se estaba levando a cabo desde varias vivendas da localidade da Pobra do Caramiñal e "a relación estable" que os responsables deste grupo mantiñan con outros traficantes de Vilagarcía de Arousa "en orde á provisión periódica das sustancias estupefacientes que logo destinaban á distribución comerciante polo miúdo", engade.
Tras descubrirse dita conexión, as investigacións ampliáronse aos integrantes da rede que actuaban desde Vilagarcía de Arousa. Os axentes comprobaron que este grupo, ademais das cantidades de droga que fornecían aos investigados inicialmente, dispoñían da súa propia rede de distribución local e tiñan capacidade para levar a cabo operativas vinculadas a cantidades máis importantes de droga.