Xulgan un veciño de Bueu por intentar violar dúas veces a súa muller, coa que levaba convivindo 45 anos
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 19 de maio un veciño de Bueu acusado de intento de agresión sexual á súa muller en dúas ocasións, unha delas cando convivían e outra cando ela xa o denunciata pola anterior e tiña en vigor unha orde de afastamento. Despois dese segundo intento, tentou suicidarse.
O fiscal pide que sexa condenado a dez anos e oito meses de prisión como autor de dous delitos de agresión sexual en grao de tentativa e un de quebrantamento de medida cautelar. Polos intentos de agresión sexual, pídelle cinco anos por cada un e a prohibición de achegarse á vítima, o seu domicilio, lugar de traballo ou calquera lugar onde se atope, así como de comunicarse con ela durante seis anos por cada pena. Polo quebrantamento de medida cautelar, pídelle oito meses de prisión e a prohibición de aproximarse á súa vítima e de comunicarse con ela durante un ano e oito meses.
Intentou supostamente agredir a súa muller dúas veces, unha cando ela tiña en vigor unha orde de afastamento
O acusado e a súa vítima estaban casados e levaban convivindo 45 anos en Bueu. O primeiro incidente polo que o xulgarán ocorreu sobre as 23.00 horas do 1 de xaneiro de 2015 e as 02.30 horas do día 2, cando, con ánimo de satisfacer os seus impulsos sexuais, abordou á súa muller á saída do dormitorio e agarrouna mentres dicía “vamos para cama”. Ela opuxo resistencia, os dous chegaron a caer ao chan e nese momento el colocouse enriba dela e rompeulle a roupa mentres a tocaba en distintas partes do corpo.
A suposta vítima conseguiu escapar e escondeuse no cuarto de baño, pero foi perseguida polo procesado, que intentou penetrala de novo tanto nesa estancia como no dormitorio, sempre sen éxito debido á forza que fixo ela. Como consecuencia dos feitos, a muller sufriu un hematoma no ombro dereito, dor de costas e ansiedade. O fiscal pide que a indemice con 150 euros polas lesións que lle causou e 3.000 euros polos danos morais.
Debido aos feitos relatados, o Xulgado de Instrución número 1 de Marín impuxo ao acusado unha orde de afastamento da súa muller durante dous meses. A pesares diso, o 12 de xaneiro de 2015 sobre as 1.00 horas acudiu ao domicilio no que estaba ela e díxolle que se ía matar, pero que antes quería manter relacións sexuais. A continuación, arrancoulle a roupa e levouna para a cama, onde intentou agredila, sen conseguilo debido á súa resistencia.
Pola mañá dese día, sobre as 9.30 horas, o procesado colleu unha soga, púxoa no pescozo e colgouse do balcón. Pero no lugar dos feitos presentáronse familiares do matrimonio, que cortaron a corda impedindo que chegase a acabar coa súa vida.
O procesado está diagnosticado de alcoholismo crónico, polo que os días dos feitos as súas facultades estaban lixeiramente diminuídas polos efectos do alcohol, sen que se apreciase un deterioro cognitivo que minguase a súa capacidade de comprender e de obrar. O fiscal pide que se lle aplique a circunstancia atenuante de embriaguez e a agravante de parentesco.