Un malware paraliza o Concello de Vilagarcía durante varias horas
Por Redacción
Hai determinado tipo de software informático que ten como obxectivo infiltrarse ou danar un sistema informático sen o consentimento do seu propietario. Son os denominados malware e poden ter consecuencias desastrosas. Así o comprobaron no Concello de Vilagarcía, que se viu afectado este xoves por un destes virus tecnolóxicos.
A apertura dun documento anexo a un correo aparentemente normal provocou a introdución na rede informática municipal dun malware que obrigou a paralizar durante boa parte da mañá todos os equipos da casa consistorial.
O malware provocou a encriptación de miles de documentos, de xeito que os autores do ataque esixían, como soe ser habitual nestes casos, un pago por obter a clave para desencriptalos.
Non foi necesario, porque como sinalan desde o goberno municipal, o uso da copia da seguridade que se realiza cada día permitiu devolver o sistema ao seu estado anterior ao ataque informático.
Con toda probabilidade mañá estará recuperada practicamente toda a información, devolvendo a normalidade ao traballo administrativo.