Denuncian que o Lago de Castiñeiras quedou feito unha "auténtica porcallada" despois da última proba de BTT
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A asociación cultural Almuinha pediu este martes máis control das autoridades locais de Marín sobre as probas deportivas e outros eventos que se realizan no Lago de Castiñeiras despois de comprobar que o entorno quedou feito "unha auténtica porcallada" despois da última proba BTT celebrada na zona. A última da que se ten constancia é a primeira cita do Open Galicia de Descenso BTT, organizada polo CD Kamikazes.
Segundo denuncian a través dun comunicado, o sábado 7 de maio a asociación organizou un roteiro polo río Lamela que pasaba polo entorno do Lago de Castiñeiras. Ao chegar, atoparon un "moi desagradable espectáculo". O lugar do que saíra a proba estaba cheo de botellas baleiras de auga, as cintas que demarcaban o circuito estaban polo chan e outras moitas permanecían aínda colocadas polo circuito.
Ademais, no descenso a Marín atoparon un colchón atado a unha árbore, que descoñecen se garda relación coa mencionada proba deportiva ou non, pero cuxa presencia lles parece "intolerable".
A asociación é partidaria de que se organice calquera tipo de evento deportivo na natureza e non dubidan de que a inmensa maioría de participantes aman e gozan da natureza, pero critican o estado no que deixaron a zona. Puxérono en coñecemento do Concello de Marín para que tome as medidas oportunas e esixen un maior control municipal cando se autoriza calquera tipo de evento.
Este martes, horas despois de denunciar publicamente o estado no que estaba a zona durante o fin de semana, os integrantes da asociación tiveron coñecemento de que os restos de lixo xa foran recollidos na tarde do luns. Celebran a medida, pero manteñen a súa denuncia.