O auditor dun banco de Ponte Caldelas cifra en 111.000 euros os cartos subtraídos a emigrantes en Brasil
Por Alejandro Espiño
Máis de 111.000 euros. É a cantidade que, segundo a Fiscalía e a acusación particular, subtraeu Germán Carlos T.A. de varios dos clientes da sucursal do Banco Caixa Geral en Ponte Caldelas entre 2006 e 2009. Por iso, solicitan para el seis anos de cárcere por un delito continuado de falsidade en documento mercantil e de apropiación indebida. Ademais, piden que devolva o diñeiro á entidade e abone unha multa de 3.600 euros.
No xuízo, celebrado na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra, o acusado acolleuse ao seu dereito a non declarar, a pesar de que na fase de instrución recoñeceu ser o autor destes movementos bancarios irregulares. A súa defensa solicitou a súa libre absolución, entre estas cuestións, ao entender que non existe documentación que probe que ditas operacións foron realizadas polo seu cliente.
Pero o Ministerio Fiscal e a acusación particular -en defensa dos intereses do banco- consideran probado que Germán Carlos T.A. foi o autor dunha serie de operacións de traspaso de fondos desde contas abertas por varios clientes naturais de Ponte Caldelas pero que estaban emigrados en Brasil, a outra que el mesmo abrira a nome de quen naquel momento era a súa compañeira sentimental.
Así o ratificou un compañeiro de traballo do acusado, que foi quen denunciou as "discrepancias" que detectou nunha serie de operacións que se realizaron desde a entidade e os movementos que este realizaba nas súas contas e que tiñan un importe "muy elevado" para o salario que tiña, ao contar con gastos de entre 9.000 e 11.000 euros ao mes, "y no tener saldo para atenderlos".
O auditor do banco corroborou na vista oral a forma de proceder do acusado. Segundo declarou, a entidade puido comprobar como Germán Carlos T.A. utilizaba contas dunha serie de clientes que residían en Brasil para realizar traspasos de diferentes cantidades de diñeiro a unha conta que el mesmo abriu a nome da súa parella sentimental, sen mediar "ningún papel firmado" e sen que constasen estes movementos, xa que "el mismo destruía" os documentos.
Ese diñeiro, posteriormente, transferíase a outra conta da que o acusado era o seu titular ou ben se retiraba directamente desde un caixeiro. Para que os clientes non se decatasen deses movementos, segundo explicou o auditor, o diñeiro repoñíase "ficticiamente" cando estes clientes interesábanse polas contas, transferíndoo de contas de terceiros clientes "y luego se les devolvía". Eran operacións, explicou, para "cubrir se rastro".
En total, tería feito ata 74 movementos de "pequeña cantidad" para non alertar nin ao banco nin aos clientes, elixidos polo propio acusado pola relación de "amistad y confianza" entre ambas as partes, segundo reiterou a acusación, sen constar "consentimiento o autorización" por parte dos mesmos.
Desa forma, subtraería ata 70.000 euros dun mesmo cliente. Todos os afectados, que recuperaron o seu diñeiro ao devolvelo o banco, declararon na fase de instrución que en ningún momento autorizaron ditas operacións e que non sequera coñecían ás persoas que se beneficiaban dos devanditos traspasos ou transferencias.
A Fiscalía non acusa á compañeira sentimental do procesado xa que non consta que esta última tivese coñecemento das operacións levadas a cabo polo seu noivo. De feito, aínda que non testificou no xuízo, si se procedeu a ler a súa declaración inicial ante o xuíz na que afirmou ignorar os movementos bancarios da súa parella xa que "él era titular de todo" e controlaba tanto as tarxetas como a correspondencia bancaria.