COVSA executará a reforma de José Millán por 240.000 euros
Por Alejandro Espiño
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación á empresa COVSA da obra de rehabilitación integral da rúa José Millán, no ámbito de San Antoniño.
O proxecto de reforma saíu a licitación por 286.000 euros e a empresa executarao por 240.000, ampliando ademais en tres anos o prazo de garantía.
En José Millán contémplase un tratamento de bandas segregadas cunha distinción física de materiais nos distintos usos da vía.
Así, o carril de tráfico rodado realizarase en aglomerado e as beirarrúas serán en laxa de cemento, confinada por bandas de pedra e separada do carril de tráfico por un bordo cunha diferenza de nivel semellante ao das rúas circundantes.
A mobilidade peonil terá prioridade fronte aos tráficos rodados.
Tamén está prevista a substitución e instalación de servizos como as redes de abastecemento de auga potable, de saneamento con separativa de pluviais e fecais, de gas natural, de telefonía, de subministración eléctrica e de fibra óptica.
Ademais, a empresa ofertou como mellora a rehabilitación do cruzamento entre Loureiro Crespo, Benito Corbal, José Millán e Cobián Areal, actuación valorada en 6.400 euros; e a instalación dunha marquesiña na parada de autobús da rúa Cobián Areal.