O PP critica que as divisións internas no BNG "impiden que se traballe nos problemas reais de Poio"
Por Redacción
A marcha da ex concelleira do BNG Silvia Díaz do goberno local de Poio é, para o PP, un "sismo" e unha "crise" no seo do executivo que lles está a causar preocupación en tanto se trata de divisións internas que "impiden que se traballe nos problemas reais de Poio".
O voceiro do PP, Ángel Moldes indicou, no transcurso dunha comparecencia ante os medios de comunicación, que "o peor que lle pode pasar a un goberno é estar enfrontado e dividido", porque "repercute no día a día e se traduce na forma de traballar".
"Un goberno dividido non é bo nin para os veciños nin para o propio equipo de goberno", engadiu, convencido de que o único que mantén unido ao equipo de goberno restante "son as dedicacións e o rancor que lle poidan ter ao PP" e de que se non "estouparon" máis casos coma o de Díaz "foi por non perder as dedicacións e as medias dedicacións das que goza o equipo de goberno".
En opinión de Ángel Moldes, a crise interna do BNG ten a súa orixe nas negociacións post electorais entre os nacionalistas e os seus actuais socios de goberno socialistas, pois moitos nacionalistas entenderon que o que se lle deu ao PSOE foi excesivo e non se correspondía cos resultados das eleccións.
Á vista da situación, o voceiro do PP considera este está a ser o peor ano do alcalde, Luciano Sobral, e enumerou os conflitos cos que convive o bipartito desde as pasadas eleccións, pois ultimamente "en todos os plenos hai algunha protesta ou algunha polémica, como polo regulamento do cemiterio, o PXOM, os veciños de Raxó ou da Canteira, investigacións da Fiscalía...". Esta situación significa, na súa opinión, que "esta lexislatura lle sobraba ao BNG".
Por outro lado, Moldes desexoulle a Silvia Díaz sorte "na súa andaina na oposición" e recordoulle que "o que menos valoran os veciños na política municipal é a ideoloxía". "Non se debe perder a ideoloxía, pero non pode ser prioritaria. Temos que estar a disposición dos veciños e axudar a solucionar problemas, que é o que desexan os veciños en política local", manifestou.