VÍDEO.- Poio a vista de paxaro
Por Mónica Patxot & Redacción
O Concello de Poio presentou este mércores no salón de plenos da Casa Consistorial un vídeo promocional do municipio, deseñado polo departamento de Medio Ambiente, que dirixe o nacionalista Xosé Lodeiro, acompañado polo alcalde e Javier Cuenca, técnico municipal e editor do mesmo.
Esta iniciativa nace ao abeiro das actividades que ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) organiza co gallo do 30 aniversario da concesión do galardón “bandeira azul” en España.
A entidade vai editar un vídeo promocional con imaxes de todos os areais que ostentan dito galardón, como é o caso das praias de Cabeceira (Lourido) e Xiorto (Raxó) neste municipio.
A concellería de Medio Ambiente, que participa nesta iniciativa, xa remitiu o vídeo a ADEAC no que, ademais, de promocionar a litoral municipal coas súas praias e espazos verdes, recuperados para o desfrute da veciñanza, se fai eco das diferentes actividades ambientais que se realizaron no concello como a plantación de diferentes especies autóctonas no paseo do Laño, para celebrar o Día da Árbore, mellorando así este entorno ou a actividade marisqueira, un dos motores económicos de Poio.
O vídeo, que se poderá visitar na web municipal, nas redes sociais e na web alicornio.com (editora do vídeo), complétase con panorámicas doutros lugares de interese turístico, patrimonial e ambiental, converténdose así na mellor carta de presentación do Concello de Poio.