Deputación destina 2,2 millones de euros en subvencións para o servizo de axuda no fogar
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a aprobación, por parte da Xunta de Goberno da institución provincial, das bases reguladoras do plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais para o exercicio 2016, a través das cales se destinará 2.200.000 euros para que os concellos de menos de 20.000 habitantes poidan seguir prestando os servizos sociais comunitarios básicos.
Silva destacou que a través desta actuación "cumprimos cun dos obxectivos fundamentais do novo goberno da Deputación de Pontevedra, que non é outro que impulsar as políticas sociais para mellorar a calidade de vidas das veciñas e veciños da nosa provincia".
As achegas que recibirán os concellos a través deste plan, por libre concorrencia, estarán destinadas ó persoal que atende os servizos municipais básicos así como para o servizo de axuda no fogar adscrito directamente ós servizos sociais comunitarios dos concellos con poboación inferior ós 20.000 habitantes.
En concreto, os municipios recibirán entre case 9.000 euros, o que menos orzamento terán, e máis de 92.000 euros para gastos de persoal e para o servizo de axuda ó fogar.