O CHOP dá os primeiros pasos para a posta en marcha da súa propia escola da dermatite atópica
Por Redacción
Os servizos de Dermatoloxía e Pediatría da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés, en colaboración coa Fundación para a Dermatite atópica, presentarán o vindeiro luns, día 11 de abril, a fase inicial da posta en marcha da que será a segunda Escola de Dermatite Atópica da comunidade galega.
O xefe do Servizo de Dermatoloxía de Pontevedra, Carlos de la Torre Fraga, será o encargado de inaugurar a sesión, que se levará a cabo no Hospital Provincial e na que participarán distintos profesionais dos servizos implicados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde este proxecto xa está funcionando.
A sesión está dirixida a todo o persoal médico e de enfermaría da EOXI implicado na atención aos pacientes que sufren esta patoloxía e será unha primeira toma de contacto co proxecto que se prevé poñer en marcha proximamente na área sanitaria.
A primeira parte do evento estará centrada na actualización de contidos en epidemioloxía, clínica, diagnóstico, tratamento e enfermidades asociadas á dermatite atópica. A continuación, os asistentes participarán nun obradoiro práctico para comprender como será o funcionamento na Escola da Atopia e que papel xogarán na mesma.
Esta proposta, amparada pola Fundación para a Dermatite Atópica, pretende o fomento dunha educación terapéutica no tratamento e no coidado da dermatite atópica, unha patoloxía de especial incidencia na poboación infantil. Así, o obxectivo é involucrar aos pais, aos educadores e aos mesmos pacientes, rompendo mitos e tópicos sobre esta enfermidade e favorecendo un bo cumprimento do tratamento, coa consecuente mellora da calidade de vida dos pacientes e familiares.
A través da Escola da Atopia, se facilitarán as ferramentas e os coñecementos necesarios para avaliación da gravidade do eccema, o manexo das alternativas terapéuticas actualmente dispoñibles e información sobre os coidados indispensables para conseguir unha evolución favorable da patoloxía, como ben poden ser diversas recomendacións nos hábitos da hixiene diaria, o emprego de emolientes ou o control do prurito.
Na actualidade, son 15 as escolas que se atopan activas en España e máis de 60 en todo o mundo
Na actualidade, son 15 as escolas que se atopan activas en España e máis de 60 en todo o mundo. Está demostrado que a educación terapéutica logra un incremento da autoconfianza dos pacientes, pois grazas a isto teñen os coñecementos precisos para saber como tratala e afrontala, entre outros.
A dermatite atópica afecta a entre un 2 e un 10% dos adultos. Porén, é unha enfermidade moito máis frecuente entre os cativos, chegando a afectar ata un 30% da poboación infantil. De feito, xunto cos nevus melanocíticos e as infeccións víricas, a dermatite atópica constitúe o motivo de consulta máis frecuente en dermatoloxía pediátrica.