Deteñen un ladrón de móbiles que despois os vendía por Internet
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Pontevedra detiveron, nas últimas horas, un mozo de 22 anos de idade e veciño de Pontevedra como presunto autor dun delito de furto.
O pasado 2 de novembro, o condutor dunha furgoneta de repartición decatouse da subtracción de tres paquetes que contiñan máis de 23 teléfonos móbiles de gama alta nas inmediacións da rúa Joaquín Costa, mentres el realizaba o seu traballo de entrega.
A partir dese momento, a Policía Nacional iniciou unha investigación na que comprobou como o mozo agora detido ofertara os teléfonos subtraídos e os seus accesorios en varias páxinas de compravenda en Internet.
O mozo foi detido o 28 de xaneiro nas inmediacións da rúa Loureiro Crespo e foi posto a disposición xudicial e foron recuperados seis teléfonos.
Dende a Comisaría de Pontevedra alertan de que se está a detectar un incremento de subtraccións dos paquetes nos vehículos de repartición de paquetería e, ante esta situación, aconsellan que se extremen as precaucións e se pechen sempre os vehículos con chave.