O PP de Poio grava a operarios mezclando lixo dos tres colectores de reciclaxe
Por Redacción
Representantes do PP de Poio mostraron a súa indignación, na rolda de prensa ofrecida o 6 de abril na súa sede local, pola mala recollida de lixo selectivo que se está a realizar no Concello.
A través duns vídeos demostraron que a recolección non se está a cumprir segundo o contratado e acusan o goberno local de ser cómplice desta situación. O portavoz local Ángel Moldes convocou aos medios para denunciar esta realidade. "Este é o modelo de xestión ambiental tan publicitado polo BNG?", preguntaba Moldes.
"Non facemos responsables do que imos ensinar aos empregados e operarios da empresa concesionaria", comentaba o portavoz do popular. Moldes tamén sinalou "o principal culpable é o Concello, que decidiu subcontratar un servizo de asistencia técnica que lle custa aos veciños máis de 13.000 euros cada ano e ten a obrigación de facer un seguimento do rendemento da concesionaria do lixo".
O popular tamén criticou "se este é o proxecto estrela do BNG, é incrible que lideren ao resto de concellos no tratamento de residuos e na xestión ambiental, mentres nun dos principais concellos que gobernan, os veciños fan o seu parte de esforzo en separar e despois, o camión, mestúrao todo".
Moldes quixo aclarar que este seguimento empezouse a facer pola denuncia dun veciño. Explicou que "un residente da zona púxose en contacto connosco para dicirnos que os residuos do colector amarelo ían ao mesmo camión que o resto do lixo".
O portavoz engadiu que esperará a reacción do goberno local e que se non é a adecuada pedirá responsabilidades.