Telmo Martín, ante a crise de goberno en Sanxenxo: "Seguro que as cousas non quedan así. Vai ir a peor"
Por Alejandro Espiño
A crónica dunha morte anunciada. Así foi para Telmo Martín a ruptura que se produciu no goberno cuadripartito de Sanxenxo, tras a dimisión de Roberto Carlos Agís -concelleiro de Cultura e portavoz de Sanxenxo Pode- que alegou "profundas discrepancias" para romper un acordo de goberno que durou apenas dez meses e que, segundo os populares, "a quen máis prexudica é aos veciños".
Telmo Martín, que compareceu en rolda de prensa en Pontevedra, afirmou que o PP leva tempo denunciando o "desgoberno" no que estaba sumido Sanxenxo desde as pasadas eleccións municipais e considera que tras esta dimisión "nos tememos que vai a ir a peor".
Esta crise débese a que, segundo o portavoz do PP, os catro partidos que formaban o goberno de Sanxenxo actuaron por "intereses partidistas" cando elixiron como alcalde a Gonzalo Pita "a calquera prezo" para impedir que os populares mantivesen a alcaldía.
"Sanxenxo é como un transatlántico que ten que saber navegar por augas pouco profundas", sinalou o portavoz do PP no municipio
Agora, Martín ve un goberno "esgotado" e que se atopa "desbordado" ante a responsabilidade de dirixir un municipio que, segundo destacou, "non é fácil de gobernar" porque non ten a estrutura dunha gran cidade e durante o verán convértese, coa chegada dos turistas, na "terceira cidade de Galicia".
"Sanxenxo é como un transatlántico que ten que saber navegar por augas pouco profundas", sinalou o portavoz do PP no municipio.
Por agora, os populares descartan presentar unha moción de censura no concello porque "non estou disposto a gobernar a calquera prezo", pero matizou que se a relación entre o agora tripartito non mellora e "hai que saír a salvar o trasantlántico" está disposto a retomar a alcaldía de Sanxenxo "antes de que todo se vaia a pique".
En todo caso, tras sinalar que a dimisión de Roberto Carlos Agís prodúcese por "coherencia" ante as discrepancias que existen entre os catro partidos do goberno, Telmo Martín prometeu que "non vamos a urgar na ferida" porque entende que ese "non é o estilo do PP", partido que cualificou como "serio" e no que non existen "intereses partidistas".
"Ogallá lle vaia ben ao tripartito", explicou Martín, que tamén dirixiu críticas cara ao alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, pola súa falta de diálogo coa oposición e por acusar ao PP dos problemas económicos do municipio "cando nin se preocupou de facer o presuposto".