A Insua estrea quitamedos... e agora pide lombos
Por Redacción
Ponte Caldelas está a lograr mellorar a seguridade viaria nun dos puntos negros do municipio, unha curva perigosa na estrada de A Insua, un lugar especialmente afectado por accidentes, segundo os informes policiais.
Así, a estrada acaba de estrear un quitamedos que instalou a Consellería de Infraestruturas.
O goberno municipal sinalou que preferiría que a instalación fora de nova xeración, dotada de elementos de seguridade para evitar, en caso de accidente, danos colaterais indesexables aos motociclistas que se ven inmersos no suceso e que, en moitas ocasións, acaban sufrindo amputacións traumáticas.
"Pese a elo, estamos moi satisfeitos con que se accedera a cumprir coa petición dos veciños e, desde logo, está mellor coa vionda que sen ela, aínda que puidera ser doutro tipo", indicou o alcalde Andrés Díaz.
Por outra banda, o alcalde de Ponte Caldelas espera que a Xunta amplíe a liña de colaboración co Concello e acceda a crear un par de lombos nesta mesma estrada co fin de garantir unha maior seguridade viaria na zona e protexer aos peóns do exceso de velocidade ao que circulan algúns vehículos por esta estrada.
Aínda que non hai resposta neste sentido, Andrés Díaz agarda que a administración autonómica sexa sensible a esta petición veciñal, tramitada a través do Concello.