Un taxista dá positivo no control de drogas cando transportaba tres viaxeiros
Por Redacción
Un taxista foi denunciado polos axentes de Tráfico ao dar positivo no control antidrogas cando circulaba no seu taxi trasladando a tres pasaxeiros, que tiveron que buscar outro medio de transporte público ao inmobilizarse o taxi no que viaxaban. Trátase do caso máis curioso da operación de controis das estradas da provincia por parte do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra durante esta Semana Santa.
FUXIDAS
Tres condutores tentaron evitar os dispositivos de vixilancia da Garda Civil ao comprobar a presenza policial. Un dos condutores na súa fuxida, ademais de saltar varios sinais de prohibición, chegou a poñer en perigo a vida dun peón, que tivo que retirarse da calzada de forma apresurada para evitar o atropelo. Este condutor foi denunciado ante a Autoridade Xudicial por ser o presunto autor dun delito de condución temeraria. Enfróntase a penas de prisión que van de seis meses a dous anos e a privación do dereito para conducir vehículos a motor por tempo superior a un ano ata os seis. Ao mesmo tempo foi denunciado administrativamente ao arroxar unha taxa de 0,60 mg/l de alcol en aire e dar positivo en cocaína.
Outro dos condutores que tentou eludir os controis foi proposto para a perda da totalidade dos puntos asignados ao permiso de coducir. Neste caso, os controis ofreceron resultados positivos en alcol e en cocaína e cannabis. Por este motivo podería quedar sen 18 puntos.
CONTROIS
Durante a Semana Santa leváronse a cabo 31 probas de detección de drogas na provincia. 17 resultaron positivas. De maneira que se lles sanciona por unha infracción moi grave castigada cunha sanción de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos.
Os axentes de Tráfico realizaron 957 probas de alcoholemia e 57 condutores ofreceron resultado positivo, un deles tras protagonizar un accidente de tráfico. 8 destes condutores terán que responder ante o xulgado ao superar a taxa de 0,60 mg/l en aire inspirado.
Entre o 23 e o 27 de marzo intensificouse tamén a vixilancia sobre os límites de velocidade. Controláronse máis de 15.000 vehículos denunciándose a 139 condutores por superar os límites de velocidade. A imprudencia máis grave detectada corresponde a un condutor que chegou ao dobre da velocidade máxima permitida 101 km/h., sobre unha limitación de 50 km/h. na PO-308, na estrada da costa, segundo a información facilitada pola Garda Civil de Tráfico.