Vilagarcía acorda con Fenosa non cortar luz e gas a persoas en risco de exclusión
Por Redacción
Un acordo acadado entre o Concello de Vilagarcía de Arousa e Gas Natural Fenosa permitirá que os veciños do municipio que se atopen en situación de vulnerabilidade económica non sufran cortes nos subministracións de luz e gas en caso de falta de pagamento.
Esta medida de carácter social, promovida pola Concellería de Benestar que dirixe Tania García, garantirá que persoas que acumulan recibos de luz ou gas sen pagar por carecer de recursos poidan seguir contando cos servizos, mentres tramitan as correspondentes axudas de emerxencia que concede o Concello.
O acordo entre o Concello e Gas Natural Fenosa plasmarase mediante a firma dun convenio de colaboración entre a administración local e a compañía enerxética. O alcalde e o delegado en Galicia da empresa procederán o día 1 de abril a asinar os documentos nun acto formal que se desenvolverá no Concello.
Este convenio enmárcase nas medidas que a administración está a poñer en marcha para garantir o subministro eléctrico e de gas aos consumidores que, debido á prolongada e negativa crise económica non dispoñen de recursos para poder afrontar o pago destes servizos e que requiren dun tempo para poder tramitar as axudas correspondentes no Concello para poñerse ao corrente coa subministradora.
Antes de este tipo de acordos, as empresas cortaban o subministro ata que o usuario afrontaba as súas débedas, unha situación que agravaba moito a situación e a subsistencia das familias, especialmente en inverno, e que incluso chegaba a ter repercusión na saúde dos seus membros.