Cada vez máis novos e autóctonos no albergue de Cáritas
Por Natalia Puga
O albergue de transeúntes de Cáritas no barrio de Monte Porreiro é raro o día que non se enche, cando chegan días de moito frío mesmo os seus responsables teñen que derivar usuarios ao albergue de Calor e Café no centro da cidade ou a algún hostal, e as persoas que demandan o servizo que ofrecen teñen un perfil cada vez máis novo e con acento máis pontevedrés que foráneo.
Os datos contrastan coas estatísticas que tiña o albergue antes do inicio da crise económica. A secretaria de Cáritas en Pontevedra, María Luisa Corbal, reuniuse este venres na Deputación de Pontevedra coa deputada Ana Isabel Vázquez, que lle fixo entrega dunha axuda por valor de 6.000 euros. Tras recibir a colaboración, a responsable da entidade benéfica comentou que o diñeiro se destinará ao albergue de San Javier e explicou a propia sorpresa dos voluntarios e responsables de Cáritas co novo perfil de usuarios que se encontran.
Segundo indicou, a media de usuarios diarios do albergue son 18-20 persoas, con picos de 23, e as cifras tan só baixan durante os meses de verán. Aínda así, os días de menos actividade teñen unha actividade maior que hai un par de anos. Entre eles destaca que anos atrás eran persoas de fóra da cidade que estaban de paso, pero agora cada vez hai máis demandantes do servizo con DNI pontevedrés. Ademais, se antes a media de idade dos usuarios se situaba nos 50 anos agora cada vez baixa máis,"de 30 o 40 y tantos, antes era gente mayor".
En canto aos usuarios do resto de servizos que ofrece Cáritas, María Luisa Corbal indica que entre os que necesitan alimentos ou roupa"se empieza a ver a gente de clase media", cando antes era impensable. Ademais, encóntranse con que "les cuesta ir a Cáritas" e "no tienen asimilado" vivir da caridade.